lunes, 14 de abril de 2014

Domingo Villar na Biblioteca Pública

Como peche do ciclo de conferencias que tivo lugar na Casa da Cultura do Concello de Verín co gallo da semana da Novela Negra, tivemos a honra de asistir a un encontro con Domingo Villar. O último e o que clausurou a semana que dende o 31 de marzo ao 4 de abril foi organizada pola Biblioteca Pública Municipal contando cun variado elenco e cunha forte acollida por parte dos veciños desta pequena vila. Durante estes días puidemos gozar da presenza dun policía xudicial da Garda Civil, así como dun forense, ou mesmo visionar un filme. Para rematar a semana, o venres, contamos con Domingo Villar: escritor (autor de "Ollos de auga" e "A praia dos afogados"), guionista de cine e televisión e crítico gastronómico. A súa exposición foi, máis ben, unha amena charla na que tivemos o pracer de escoitar o seu punto de vista sobre o termo "novela negra" co que a crítica adoia catalogar a aquelas historias nas que o crime cobra especial relevancia. Porén, para o noso escritor, a súa elección deste tipo de xénero á hora de escribir responde, somentes, a unha maneira de transmitir o que realmente persegue: recordar e homenaxear á súa terra, a galega, solapar a morriña coas falas da súa xente e transportar os personaxes ás rúas que el tantas veces percorreu. Por iso, e só por iso, esta forma permítelle configurar o transfondo que hai nas súas obras e por iso, e só por iso, escribe en galego. "Unha lingua doce que me permite achegarme coa mete á terra que non podo ver cos ollos"- afirmaba o autor, afincado dende hai tempo en Madrid. Así mesmo, dicía, en palabras súas tamén: "se eu non escribo emocionado, é difícil que poida emocionar ao lector..." Sen dúbida, tivemos a sorte de escoitar afirmacións rotundas, cheas de sentimento que foi quen de nos transmitir. Asistimos á presenza dun home con alma de escritor; dun escritor con espírito galego; dun galego con amor En resumo, un coloquio intenso, divertido e persoal ó que, cómpre sinalar, acudiu de xeito totalmente desinteresado, feito, que aínda se cabe, o honra máis como persoa.

 Esther Vaz Diéguez (2º Bacharelato)

No hay comentarios:

Publicar un comentario